Friday 10 de May de 2024

Feijóo subliña a importancia do traballo conxunto entre a administración e as entidades sociais para aumentar o nivel de inserción laboral entre os colectivos con menos recursos


Afirma que o emprego é un campo de actuación prioritario para a Xunta de Galicia, que “está a reforzar as políticas de creación de emprego apostando ademais pola igualdade de oportunidades e atendendo os colectivos con menos recursos”

O presidente da Xunta destacou esta mañá, na súa visita ao Centro de Formación e Emprego Violetas de Cáritas, a importancia do traballo conxunto entre a Administración e as entidades sociais para aumentar o nivel de inserción laboral entre os colectivos con menos recursos.

Tras loar o labor deste centro de formación, que leva 23 anos impartindo cursos e obradoiros de capacitación profesional no téxtil, no sector sociosanitario ou na construción; realizando aulas de formación en informática e novas tecnoloxías e axudando na preparación de exames para a obtención de diferentes certificados; o titular autonómico salientou a formación como a “chave de entrada ao mercado laboral”.

Nese senso, o mandatario galego fixo fincapé en que o emprego é un campo de actuación prioritario para a Xunta de Galicia, que “está a reforzar as políticas de creación de emprego apostando ademais pola igualdade de oportunidades e atendendo os colectivos con menos recursos”.

A este respecto quixo mencionar os avances que se fixeron na Comunidade no eido laboral, como a creación de 38.300 postos de traballo; o feito de que o número de ocupados en Galicia se manteña por riba do millón de persoas; que crecesen os ocupados a tempo completo (un 5,1%) mentres que baixaron os empregos a tempo parcial (un 6,2% menos). Ou que a taxa de paro da Comunidade sexa do 18,2% (3,6 puntos por debaixo da media do Estado); que dous de cada tres asalariados galegos sexan indefinidos; ou que baixasen un 15,5% os fogares galegos con todos os seus membros en paro (14.700 fogares menos).

“Pechamos 2015 cunha redución do paro entre o menores de 30 anos dun 14,45%”, salientou Feijóo, “e Galicia sitúase actualmente en niveis de paro inferiores a abril de 2010”. Ante estes datos o responsable da Xunta quixo incidir en que non se van quedar aí as accións da Xunta para atallar o problema do paro. Lonxe disto, resaltou que se aumentarán as medidas de acceso ao emprego nos catro colectivos prioritarios: os menores de 35 anos, os desempregados de longa duración, as persoas con discapacidade e aqueles que teñen menos recursos económicos. Así, a Xunta vai investir 33 millóns de euros para a realización de 700 accións formativas para máis de 10.000 desempregados.

Ademais lembrou que xunto con este investimento e no marco da Axenda 20 para o Emprego, o Goberno galego está a investir 25 millóns de euros para promover a inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, 18 millóns de euros para fomentar a contratación e autoemprego dos máis novos e dous millóns para a posta en marcha dunha nova liña de contratación para os parados de longa duración, aos que hai que sumar os oito millóns dun novo programa de orientación do Goberno do Estado.

En total, a Axenda 20 para o emprego conta cun orzamento de 68 millóns de euros que se marcou, entre outros, estes obxectivos: reducir a taxa de paro ata o 10%, crear 100.000 novos postos de traballo, converter 50.000 contratos en indefinidos e acadar que o nivel de inserción laboral tras un período de formación sexa dun 60%.

Finalmente, Feijóo, abundou na importancia da colaboración con entidades sen ánimo de lucro, para as que a Xunta incrementou as axudas nun 61% ata alcanzar os 8,4 millóns de euros. Ademais a Administración autonómica configurou unha nova Axenda Social de Galicia, que se presentará nos próximos días e que está dotada de preto de 162 millóns de euros “para dar resposta aos novos escenarios sociais de pobreza e exclusión, e busca, sobre todo, a coordinación entre as administracións e o tecido social”, concluíu.